O grupo xunto ao deputado de Turismo. sara moldes
Estudantes chineses do IESIDE coñecen a Deputación Provincial
santos Héctor anímaos a facer de embaixadores de pontevedra no seu país
M.A.C
PONTEVEDRA. O deputado de Turismo, Santos Héctor, recibiu onte no Pazo Provincial a un grupo estudantes chineses do IESIDE (Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa), que dende o pasado 10 de xullo estiveron en Galicia cursando o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais (DARI) e realizando un proxecto empresarial para diferentes empresas punteiras da comunidade. A comitiva estaba composta por catro rapazas e dous rapaces de nacionalidade chinesa e outros tres estudantes, dous de España e unha de Venezuela, que traballaron co grupo durante a súa estancia.
Héctor Santos valorou moi positivamente experiencias de intercambio cultural como esta e sinalou que «a información pode buscarse en Google», pero que estes encontros favorecen a creación de «vínculos e experien
cias que só se acadan en persoa». Ademais, lembrou a importancia que teñen as relacións e investimentos chineses na provincia de Pontevedra e sinalou que «a partir de agora» este grupo de rapaces «serán embaixadores da nosa terra no seu país».
Durante a súa visita, os estudantes puideron coñecer de primeira man o funcionamento da institución provincial e trasladáronlle ao deputado as súas impresións sobre a cultura galega, da que destacaron a súa sorpresa porque unha muller, Carmela Silva, presidira por primeira vez a Deputación de Pontevedra e a capacidade da cidade de compatibilizar «as festas coa profesionalidade das empresas», algo que a todos lles gustou especialmente.
Pola súa banda, Héctor felicitounos polo traballo realizado durante este mes e destacou o alto nivel de español que demostraron ter.